| Síntese Institucional |
A comezos do ano 1978
-era alcalde da cidade de Vigo D. JOAQUÍN GARCÍA
PICHER-, o Colegio Oficial de Titulados
Mercantiles, daquela presidido por D.
ANDRÉS MARTÍNEZ-MORÁS Y SORIA, proponlle por
escrito ó Concello a creación dun INSTITUTO
DE ESTUDIOS VIGUESES baixo patrocinio
municipal.
Por fin no ano 1991,
despois de moitas insistencias e publicacións na prensa
local, chega a fragua-la proposición gracias á boa disposición
do alcalde D. MANUEL SOTO FERREIRO. O
13 de maio do mesmo ano faise oficial o nomeamento dos
Membros Fundadores nun acto que se celebrou na Casa
das Artes.
O 25 de outubro de
1993, ó cabo duns meses de Xunta Xestora, constitúese
a primeira Xunta de Goberno rexida por D. ANDRÉS
MARTÍNEZ-MORÁS Y SORIA, baixo cuia dirección
o 12 de maio de 1994 preséntase publicamente o INSTITUTO.
Entre convenios coas
distintas Corporacións Municipais, as dificultades económicas
e de definitiva sede social, pasan os anos, e o INSTITUTO
DE ESTUDIOS VIGUESES, transcorrida unha
estancia en locais cedidos amablemente pola FUNDACIÓN
PROVIGO, firma o 15 de outubro de 2002 un convenio
de colaboración co Concello de Vigo para
instalarse provisionalmente ata hoxe no terceiro andar
do antigo edificio Asefal da Rúa Elduayen nº 36, dirixido
xa naquelas datas por unha nova Xunta Directiva presidida
por D. Gerardo Sacau Rodríguez.
|
|
| Obxectivos |
Os Membros do INSTITUTO
DE ESTUDIOS VIGUESES -organismo encadrado
na Confederación Española de Centros de Estudios
Locais e pertencente ó Consejo Superior
de Investigaciones Científicas- non teñen outra
función que estar a disposición da cidade de Vigo no eido
das competencias marcadas polas diversas Seccións nas
que cadaquén está inserto, coa vontade firme de ir sempre
ó fondo das cuestións que atinxen á recuperación da memoria
histórica e cultural da cidade e da súa contorna. As distintas
materias obxecto de estudio están estructuradas, sempre
a expensas de ampliación, nas seguintes Seccións:
Xeografía e Historia. Arqueoloxía
e Etnoloxía. Toponimia, Filoloxía e Literatura. Arte. Arquitectura
e Urbanismo. Economía. Filatelia. Numismática e Diplomática.
Ciencias Xurídicas e Sociais. Ciencias Físico -Naturais. Turismo
e Deporte.
Dende o seu alborecer,
os Membros da Institución souberon afrontar este reto
traballoso de poñer á disposición da cidadanía un completo
abano de estudios rigorosos, varios e diversos, conxunto
que pasa por se-la máis ampla e seria fonte sobre temática
viguesa nunca editada, engrosada polas páxinas novidosas,
suxerentes e de investigacións actuais do Boletín de publicación
anual GLAUCOPIS.
A máis deste corpus
editorial polivalente, O
INSTITUTO DE ESTUDIOS VIGUESES desenvolveu
toda unha morea de actividades culturais ó longo destes
anos de presencia activa nos foros da cidade: conferencias,
debates, mesas redondas, charlas didácticas, exposicións
pola propia conta ou en colaboración con outras entidades.
O Instituto fornécese así mesmo das valiosas colaboracións,
consultas e doazóns de vigueses e viguesas de cuia amizade
sentímonos gabados. |