Colaboracións co Instituto de Estudios Vigueses
 

      O Instituto de Estudios Vigueses ten como un dos seus cometidos o fomento do labor de investigación e de divulgación no eido dos temas que lle son propios. Así,  está aberto a recibir colaboracións por parte de especialistas, eruditos, profesionais, etc. que estean a traballar en temas que teñan como marco a cidade de Vigo ou ben outros máis xenéricos que dalgún xeito atinxan á urbe olívica e ó seu entorno máis directo. Interesan tamén as recesións críticas de obras que se acaben de publicar ou de reedicións de “clásicos”. Algúns traballos realizados en centros escolares (catalogacións de patrimonio, recollida de lendas, refráns, etc., testemuños das persoas maiores) son susceptibles de ter boa acollida.
       Ditas colaboracións, dependendo da súa extensión e formato, quedarían plasmadas e accesibles ó público nalgún dos tres formatos dispoñibles:


•   A sección de artigos da páxina web do IEV. Axeitada para textos curtos e que leven poucas -ou ningunha-  ilustracións e tamén para os de contido máis divulgativo ou anecdótico. Deben enviarse ben á dirección de correo electrónico da institución, ben en disquete ou C.D. á sede da mesma.  Para evitar problemas técnicos e asegurar a súa rápida inclusión recoméndase a edición en word.


•    No Boletín do IEV Glaucopis. Soporte para traballos de máis calado ou artigos de nivel universitario, que ademais admite mellor as ilustracións de variada índole. Deben obrigatoriamente axustarse  ás normas que abaixo van indicadas e obter o visto bo da Comisión de Publicacións. Remitiranse á sede do Instituto nun envoltorio protector antes do mes de setembro.


•   Excepcionalmente, nunha monografía (caderniño, libro). Para traballos de certa extensión e de calidade máis que aceptable.  Asemade de estar suxeitos á normativa dictada nos aspectos formais e ó filtro minucioso da Comisión de Publicacións, non poden exceder un número de páxinas razoable e quedarán a expensas das posibilidades dos orzamentos da Institución en cada ano económico.


       Admitiranse orixinais escritos nas dúas linguas oficias da Comunidade Autónoma; no caso de optar polo idioma galego, deberá estar escrito sempre de xeito correcto, respectando a normativa oficial vixente.
        O IEV está así mesmo aberto á colaboración con outras institucións, tanto na elaboración de proxectos como na súa edición, tendo xa experiencia neste eido.
        Cómpre advertir que, con independencia da liña metodolóxica e da temática, existe unha cota de calidade mínima directamente relacionada co rigor dos traballos. Todo orixinal que se reciba debe pasar pola Comisión de Publicacións do IEV; esta emitirá un informe en función do cal tomará unha decisión inapelable a Xunta Directiva, a cal determinará o lugar que lle corresponde na orde de edición.
         Os traballos non aceptados, tras previa comunicación, poderán recollerse nos locais do IEV en horario de oficina. Pasados tres meses o Instituto quedará desvencellado da súa custodia.
         Os orixinais que se desexe publicar en calquera dos devanditos formatos terán que aterse ás normas de publicación que de seguido van relacionadas; do contrario non serán admitidos.    

 
Data: 05-10-2004
 
  Normas de publicación
 
Os interesados en remitir orixinais de monografías, estudios, recensións de libros ou noticias para a súa publicación polo INSTITUTO DE ESTUDIOS VIGUESES, deberán aterse ás seguintes indicacións, tendo en conta que non se aceptarán os traballos que non as respecten:

 

1.      As colaboracións serán inéditas. Consistirán en investigacións teóricas ou prácticas sobre historia, arte, literatura, dereito, antropoloxía, socioloxía, xeografía, economía, ciencias físico-naturais, etc., relacionadas con Vigo, a súa área de influencia ou Galicia en xeral. As recensións darán noticia de libros de actualidade –enténdese do mesmo ano no que se envían ó BOLETÍN-. Os escritos irán precedidos dunha folla na que se indique o título, nome do autor, dirección e teléfono de contacto. Cando se trate dunha primeira colaboración xuntarase un breve currículo (15 a 20 liñas).

 

2.      Os autores presentarán os traballos en disquete ou CD-Rom en formato Word, QuarkXpress, ou similar, escritos en letra tamaño 12 do tipo Courier, Times New Román, Arial, etc. A extensión dos traballos para o Boletín Glaucopis non debe exceder de 25 folios (DIN A4) a dobre espacio (como máximo 60.000 caracteres con espacios). Cada autor debe remitir ademais un orixinal impreso.

 

3.      Os orixinais deberán estar correctamente redactados e puntuados. Caso de ser escritos en galego seguirán a normativa oficial da Real Academia Galega. A cursiva e as comiñas deberán responder ás convencións internacionais. Toda sigla será desenvolvida en paréntese a primeira vez que se cite no texto. Exemplo: RAG (Real Academia Galega).

 

4.      Os autores poderán presentar en papel, diapositiva ou formato dixital ilustracións, fotografías, gráficos, debuxos, gravados, etc., No caso do Boletín Glaucopis ata un máximo de 12, agás casos especiais. Deberán ter unha boa calidade para a súa reproducción, non aceptándose as fotocopias. Cada ilustración debe estar numerada e ir acompañada do correspondente pé. Esa numeración debe aparecer no orixinal impreso para indicar o lugar aproximado de inserción de cada ilustración.

 

5.      No caso de que os orixinais estean divididos en apartados ou subapartados, remitiranse acompañados do correspondente índice, organizado por cifras  ou letras.

 

6.      A Comisión de Publicacións decidirá a conveniencia da publicación dos traballos, que serán avaliados por especialistas das materias das que trate.

 

7.      A cada autor dun libro publicado polo IEV enviaránselle vintecinco exemplares. Os artigos do BOLETÍN darán dereito á percepción dun exemplar e vintecinco separatas.

 

8.      Os estudios con notas presentarán estas preferentemente a pé de páxina. As notas sinalaranse no texto mediante unha numeración correlativa en forma de superíndice.

 

9.      As referencias bibliográficas que aparezan no corpo do traballo por chamadas e notas a pé de páxina,  axustaranse ás seguintes pautas:

 

a)      As monografías débense citar indicando:

-          Os apelidos do autor en maiúscula. O nome abreviado ou en minúscula.

-          O título da obra en cursiva.

-          Lugar, editorial e ano de edición. Caso de que existan varias edicións, o número da edición colocarase enriba do último número da data: así a 11ª edición publicada en 1996 sería 199611.

-          O número de páxina abreviado con p. e se son varias, p. 431 ss.

-          Se a obra está dividida en varios volumes, o que vai a ser citado figurará en número arábigo entre o título e o lugar, editorial e ano de edición, por exemplo, SACAU RODRÍGUEZ, G., Os Nomes da Ría de Vigo, 2, Vigo, Instituto de Estudios Vigueses, 2000, p. 24 ss.

-          Se son varios os autores, citarase ó primeiro seguido de “e outros”. Se son moitos empregarase as siglas VV.AA.

 

b)      Os artigos aparecidos en revistas e xornais.

-          Os apelidos do autor en maiúscula. O nome abreviado ou en minúscula

-          O título do artigo entre comiñas.

-          O titulo da revista en cursiva.

-          Número, en arábigo, ano, entre paréntese e páxina.

-          Os capítulos de libros colectivos e os relatorios de congresos seguirán estas mesmas normas.

                

c)  A bibliografía empregada recollerase ó final, ordenada alfabeticamente e seguindo as pautas indicadas

 
Data: 05-10-2004
 


Rexistros 1 a 2 de 2
 

@ Instituto de Estudios Vigueses